_
_
_
_
LUCES

Versos corrente de lava

Olga Novo, Pilar Pallarés e Marta Dacosta erguen un canto vitalista e liberador nos seus novos libros

A poeta Olga Novo.
A poeta Olga Novo.MANUEL G. VICENTE

Di Olga Novo que poesía é choque brutal que muda a nosa pel. Supuración da experiencia profunda. Corrente de lava que nos expulsa de nós mesmos. Vida, e non só exercicio literario. E así é o seu novo libro, Cráter, que Toxosoutos acaba de tirar do prelo. Obra fervenza, como todas as súas. Torrencial. Volcánica. A autora anunciara xa n’A teta sobre o sol que a súa arela era máis a intensidade que a perfección. E niso anda.

E non é a única. Ela mesma explica que todos os poemas do mundo están conectados por unha sorte de sondas subterráneas. Fíos invisibles. Diálogos múltiples. E debe de ser certo. Cráter amosa confluencias con outros dous poemarios que chegaron recentemente ás librarías, ambos editados por Espiral Maior: Acuática Alma de Marta Dacosta e Leopardo son de Pilar Pallarés. Alén de diverxencias xeracionais.

Cráter é unha exploración dividida en catro estacións: cinsa, pedras, lava e rocha metamórfica. Un percorrido conducido por unha deusa campesiña que non quere ser adorada. Que só desexa que sexamos donas de nós. “Entre cada unha desas amorosas e inevitables elexías do libro, canta esa voz dunha deusa humilde con pulo vitalista e radical optimismo libertario, porque proclamar a utopía é necesario sempre”, salienta Olga Novo.

Cinsa poetiza “esa evidencia do total desleixo dos poderes políticos de diferente signo fronte á deriva cara a nada do noso mundo rural. Canda el desaparece unha cultura, e canda ela un tesouro lingüístico”, salienta. Pedras cántalle a Bretaña, —onde a poeta viviu os últimos sete anos—, cun alento tribal e primixenio. Lava é un encontro co enigma da beleza e do amor en Pompeia. Nun universo, o occidental, no que a paixón foi “condenada, desde Aristóteles polo menos, como un pathos, unha patoloxía. Eu diría, pola contra, que o mundo enferma pola carencia de amor…”, indicou. E a Rocha pronuncia, como as súas obras Nós nus ou Magnalia, a linguaxe de Eros. “Celebro a vida, e polo tanto a lúcida expansión dos praceres da mente e do corpo”, subliña. Cráter é, por outra banda, continuador do seu anterior libro A Cousa Vermella. Dunha reflexión “ante tal situación que debería alertar a calquera mente cun mínimo de lucidez e corazón: un país entre ruínas e cinsa”.

A obra de Olga Nova invoca, con frecuencia, un suxeito colectivo feminino. Fala “con autoras de poesía non escrita” como a bisavoa descalza e lumpenproletaria. Tamén Marta Dacosta homenaxea en Acuática Alma, a forza das mulleres, “a súa capacidade para superar a dor”, apunta ela mesma. E chama por todas as Ofelias —como xa o facía n’As amantes de Hamlet—, para instalas a ser libres, a rebelarse contra o sometemento. Porque a violencia de xénero é unha das inxustizas contra as que Acuática Alma ergue a palabra. Como o fai contra o descoñecemento, a frustración ante a construción de imaxes deformadoras sobre as persoas. Ou contra a desmemoria, a mentira, pois “a historia”, lembra, “escríbena os vencedores”. Di Olga Novo que “a poesía é pobre, pero fala coa voz rica dos que non teñen nada”. Dacosta reivindica tamén, da man de Benedetti ou de Mahmud Darwish, a poesía como palabra dos vencidos, do pobo.

‘Leopardo son’ trata da incapacidade para se conformar co propio ser

Reflexiona, por outra banda, en Acuática Alma, sobre o papel da poeta nun contexto de palabras luxadas —como as que sustentan, di, as agresións á lingua— e falta de tempo para “as cuestións que son fundamentais”. Mais, contra a “triste indeferenza ante a derrota” que xa denunciaba en Pel de ameixa, convida a “coller folgos”. “A non deixarnos vencer, seguir loitando para ser, para non desaparecer como pobo”, engade. Acuática Alma parte dun poema sobre un ser que nace da auga, elemento de construción e destrución da vida. A imaxe da auga, como a do sangue, atópase na súa obra desde o seu primeiro libro, Crear o mar a Compostela. A metamorfose figura tamén en Leopardo son, o novo libro de Pilar Pallarés. “É algo que estaba tamén no Livro das devoracións: o abraio ante a capacidade dos seres humanos de destruírnos e construírnos”, asegura. O título está tomado dun verso de Ricardo Carvalho Calero. “É esa incapacidade do ser humano para vivir de conformidade co seu propio ser, en contraste coa sabedoría dos animais. Iso produce unha insatisfacción constante”, matiza.

Dacosta afondaba no seu libro En atalaia aberta na dor, a soidade, a derrota. Pois, pensa, non hai emancipación sen unha previa consciencia da realidade. Dun xeito semellante, Pallarés enfrontou “o baleiro, a nada”, no seu segundo libro, Sétima soidade. Procurou o sosego contra a dor, o desamor ou a desesperanza. E iniciou así un camiño que desenvolveu no Livro das devoracións: o da afirmación da vida. Leopardo son ten, desta maneira, que ver con “atreverse a vivir fóra dos propios límites, fóra da fronteira”. “Estamos confinados na identidade social e cultural que nos é asignada, e que nos asignamos”, expón.

Pallarés indagou no seu primeiro libro, Entre lusco e fusco, nunha dobre vertente da poesía, a intimista e a política. Decantouse máis pola primeira, aínda que para ela a arte non deixou de ser unha maneira de “supervivencia, de resistencia”, ante a “miopía” á que as obrigas cotiás nos abocan. Antídoto contra a apatía.Dacosta aprendeu, co tempo, a escribir de xeito “menos compulsivo, máis repousado”, segundo di ela mesma. Pilar Pallarés deixou pasar 13 anos entre a publicación do seu segundo e terceiro libro. Do mesmo xeito que hai 11 de distancia entre a súa anterior entrega, Poemas, e Leopardo son'. “É o meu ritmo habitual”, resígnase.

A esculca ultraísta de Elías Portela

Entre as novidades de poesía salienta tamén O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, (Barbantesa), o último libro de Elías Knörr, seudónimo de Elías Portela. A esculca das posibilidades da palabra e a polifonía son os seus piares, como xa na súa entrega anterior, Cos peitos desenchufados. O mariñeiro foi escrito orixinalmente en islandés, a lingua do país ao que emigrou.

Portela cita, ao explicarse, a Manuel Antonio. E, coma el, sitúase nas vangardas: o ultraísmo e o creacionismo. Hai moitas conexións entre Cos Peitos Desenchufados e O mariñeiro: a ambigüidade co xénero. Outras son temáticas: as miserias da Igrexa, a lingua, o país... O contexto islandés amosa, na súa opinión, a vantaxe de non ser "unha sociedade e unha lingua abocadas á eutanasia cultural". Cando concibiu O mariñeiro, o seu obxectivo era apelar á protesta ante o desastre ambiental e cultural que se aveciñaba en Islandia. Pero foi premonitorio doutra desfeita: a crise económica.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_