_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Vén ou non vén o lobo?

Manuel Rivas

A estas alturas penso que xa só hai unha pregunta pertinente. Así que chamo e pregunto: Vén ou non vén o lobo, Fermín?

-Vén...

Fermín Bouza responde ao xeito dos gladiadores ou dos letristas de fado, sen medo e sen esperanza.

-Vén o lobo...Está a piques de vir.

Nunca fallou. Dou fe. En todas as eleccións soubo atopar onde estaba o núcleo do enigma. El ten un sentido estético de todo e tamén das ciencias exactas. Baralla todas as sondaxes, mais di que á fin a chave está nos pousos do Santo Grial, que é o que estas noites anda a interpretar á procura de signos de recuperación in extremis desa esperanza esgotada. Fermín Bouza, e velaí a súa bitácora El voto con botas, o espazo na Rede máis rigoroso de análise electoral, ten o don daqueles nigromantes que andaban co Libro de ler e desler. Como nos explica o Dicionario dos seres míticos galegos (Cuba, Reigosa, Miranda), o que ten o libro pode subir até as nubes polo mecanismo de ler. Alí, parlamentar cos nubeiros para se pór de acordo no lugar onde van caer as pedras, a sarabia. Para baixar a modo do ceo, e non bater cos fociños no chan, o que hai que facer é utilizar o mecanismo de desler.

Cómpre falar dos medios que pretenden construír e os que se encirran en deconstruír Galicia

Eu nesta campaña farteime a desler. Era imposíbel saber o que algúns medios pretendían transmitir sen dominar esa arte. Xa vai sendo hora de que na Facultade de Xornalismo incorporen a materia de Ler e Desler. Eu teño seguido varias campañas. Era de esperar que esta do 2009 inaugurase unha xeira máis aberta, máis innovadora, máis participativa. Vivimos na sombra que todo o asombra, como é a crise económica, mais precisamente ese contexto podía revalorizar a política. Era unha oportunidade de construír futuro, de debuxar alternativas. De xeito paradoxal, foi a campaña da deconstrución. Non se exportou nada do bo, e importouse todo do malo. A guerra lingüística que non tiñamos. O estilo energúmeno nos discursos. A falta de escrúpulos na utilización da vida persoal. Mentres se ocultaba a corrupción real en Madrid e en Valencia, aquí se espallaba unha indocumentada sospeita por todos os recantos do Goberno de coalición progresista.

Unha campaña para esquecer. Mais tamén para non esquecer. Para estudar con moito detalle. A sociedade civil mudou, a política tamén, mais hai poderes instalados na súa saudade e que os leva a exercer unha dereita bravú, un proto-punkismo reaccionario. Xa non só polo furto de debates, que en boa lei debería invalidar o candidato que se negase, senón polo entusiasmo inédito co que algúns medios notábeis se entregaron a deconstruír Galicia. Xa non cómpre hoxe falar de medios de comunicación de "dentro" e de "fóra". É máis exacto diferenciar entre os que pretenden construír ou os que se encirran en deconstruír Galicia. Medios para ler e medios para desler. A ninguén pode estrañar que os medios tomen posicións e se pronuncien en editoriais polas súas preferencias, sen ocultacións. Esa transparencia fai que os lectores poidamos dedicar máis tempo a ler que a desler. Unha cousa é ser Cuarto Poder e outra pretender ser Goberno na Sombra. Unha cousa é ser lobby e outra asumir directamente o papel do lobo.

Vladimir Nabokov sostivo a suxestiva idea de que a orixe da literatura estaba no conto de Pedro e o lobo. Se cadra tamén é así na política. Bouza está ao teléfono, en Madrid, cun mapa náutico de sondaxes arredor de si.

-Oes, Fermín, en serio, ti cres de verdade que vén o lobo?

-Desta vez, non veño con boas vibracións. Ver vin o lobo. Só hai unha posibilidade de que non veña. Que o electorado de esquerdas, esas ducias de miles de persoas que aman a liberdade, non caian nunha abstención activa como semella que pode pasar. Os resultados dependen agora mesmo dese 4 ou 5 % da poboación.

Quen é Fermín Bouza Alvárez? Non procuren información sobre Fermín nos medios convencionais. A Galipedia limítase a dicir del: Fermín Bouza Álvarez (Santiago de Compostela, 1946) é un sociólogo e escritor galego. É fillo de Fermín Bouza-Brey. Obra: Memoria do Diaño, 1980 (novela); O tempo na auga, 1985 (poemario); Longo voo de paxaro, 1987 (narrativa); Labirinto de inverno, 1990 (poemas). Ten outros libros esenciais nos eidos das ciencias sociais. Nos próximos días sairá un que será ferramenta obrigada no estudo da España contemporánea: Las razones del voto en la España democrática: 1977-2008. Bouza Álvarez é catedrático de Opinión Pública na Universidade Complutense de Madrid. As súas vixilias como estudoso dos comportamentos políticos son xa unha lenda no planeta sociolóxico. Cando chegan as vésperas electorais, sábese que Fermín Bouza vai ir abrindo a sociedade ao xeito das capas da cebola para chegar a ese "núcleo do enigma". Manexa todos os datos, mais para interpretar ese núcleo do enigma hai unha esixencia imprescindíbel: estar á escoita, coñecer o pobo, as mutacións nas varas de medir da xente.

O noso detective salvaxe estudou tamén Psicoloxía e licenciouse nesta materia canda Socioloxía. Estudos que rematou en Madrid, onde reside dende 1969. Unha das nosas mellores mentes endexamais reclamada para exercer en Galicia. Fermín Bouza, ao seu xeito, segue a ser un desterrado. Saben como marchou? Era o ano de 1969. A policía política presentouse na súa casa en Santiago. Estaba seu pai, Fermín Bouza-Brey, escritor e xuíz represaliado, unha intelixencia exquisita, esmagado pola dramática historia. Fermín está nun cuarto á espreita, silandeiro. E Bouza-Brey dille aos cazadores: "Meu fillo está en Arxentina, coa nai". Era certo que a nai estaba en Arxentina. E os cincentos da secreta acreditaron. Fermín, o mozo Fermín, foxe ao día seguinte para un agocho en Madrid. O hoxe catedrático de Opinión Pública na Complutense xa non puido volver á Universidade de Compostela. Ai, quen o tivera na Ala Oeste de San Caetano!

Que é o que viu e oíu Fermín Bouza en Galicia estes días para marchar sentindo o alento do lobo?

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_