_
_
_
_
ROLDA DAS LETRAS | Luces

No 'impasse' político-literario

A sensación de impasse que nos produce a vida política galega, entre fusións e decretazos que nin arre nin xo, afecta tamén ao ámbito literario, que semella padecer a mesma falta de entusiasmo que a nosa sociedade. Quizais o máis alentador pode atoparse desta volta no eido das traducións, no que cómpre salientar dúas obras de notable extensión. Por unha banda Invisible, a última novela de Paul Auster, un autor que conta con fans incondicionais que non se sentirán decepcionados con esta nova achega do seu escritor favorito. Ou, alomenos, non se sentirán así... ata o final, un final só comprensible en clave metafórica e que canxa mal cunha narración na que o escritor neoiorquino mestura con habelencia os elementos habituais: personaxes inquietantemente seductoras, triángulos amorosos e tramas metaliterarias.

- De novo a memoria

Por outra, a do Premio Novela Europea 2008, organizado polo casino de Santiago, que nesta xeira foi para A rolda nocturna da británica Sarah Waters. O título xoga a evocar o de unha das máis célebres teas de Rembrandt que, ao tempo, funciona como proxección metáforica das expedicións nocturnas dunha das protagonistas, condutora de ambulancias baixo os bombardeos de Londres na segunda guerra mundial. A autora manifestou que o seu obxectivo con esta novela de máis de 500 páxinas foi deitar unha nova ollada sobre ese momento histórico para revelalo como un tempo de oportunidades, no que as mulleres se vían liberadas dos convencionalismos sociais e podían gobernar as súas propias vidas. A pretensión non deixa de ser orixinal, malia as dificultades que implica tentar materializala con coherencia nun proxecto literario e, na miña opinión, Sarah Waters consegue ofrecernos nesta novela moitas outras cousas antes ca esa mensaxe: hai personaxes engaiolantes, ambientes creados con bo pulso, intriga... pero non se acaba de ver en que beneficia a guerra a Viv, ou a Kay, ou a Helen. Máis ben ao contrario. E como a autora de certo percibe que o tempo histórico se impón á súa pretensión, ten que recorrer aos personaxes para que enuncien de xeito explícito esa súa visión da época. Un erro propio de principiante... ou de guionista de cine metida a novelista. Tampouco se goberna ben Sarah Waters co desenvolvemento da trama cara atrás, pois a obra comeza en 1947 e remata en 1941, unha aposta arriscada, sen dúbida inspirada polo afán de intrigar o público, pero que ás veces se traduce nun certo estancamento e desarticulación dunha excelente historia, e na aparente desorientación dunhas sólidas e convincentes personaxes que intúo non tardaremos en ver no cine ou na TV.

A memoria segue a vertebrar moitas das nosas inquedanzas individuais e colectivas: velaí a última obra narrativa de Xosé Vázquez Pintor, Máis vidas. E velaí Xente de orde. O consentimento cara ao franquismo en Galicia, da investigadora Ana Cabana, un libro que nos fai abalar entre a estupefacción e a culpabilidade e que axuda a entender como foi posible que a dictadura franquista asentase e sobrevivise tanto tempo. De camiño, Ana Cabana demostra que o rigor historiográfico non está enfrontado coa capacidade divulgativa e o alento narrativo. Fan falla máis libros coma este para axudar a reconciliarnos cun pasado que, ben á vista está, non está, nin moito menos, asimilado polo noso corpo social.

Como non podía ser menos, a lingua, protagonista de tantos debates nos últimos tempos, inspira non poucas das novidades bibliográficas destas semanas. O libro de Manuel Núñez Singala En galego, por que non? ten unha clara vocación divulgativa e didáctica, non exenta do lúdico, e que consegue ir máis aló do obxectivo concreto de derrubar os nosos prexuízos lingüísticos para enfrontarnos coa evidencia do limitada e simplista que adoita ser a nosa visión do mundo; xa que logo, unha obra que pode chegar a ser unha ferramenta auxiliar valiosísima nas aulas, e non só nas de lingua galega. 55 mentiras sobre a lingua galega, coordenada por Henrique Costas, é de certo unha obra de intervención, non exenta de alento reivindicativo, que se presenta en forma de argumentario para derrubar moitos dos tópicos e prexuízos que alicerzan as posturas hostís á defensa e promoción do galego. En canto á obra de Freixeiro Mato, Lingua de calidade, máis ortodoxa, é o traballo dun filólogo moi preocupado pola corrección lingüística, unha liña de traballo que entre nós conta con afervoados defensores. Quizais se os nosos gobernantes se movesen menos por curtopracismos electorais e atendesen máis ás conclusións de investigacións rigurosas como as recollidas no volume Diversidade lingüística e cultural no ensino de linguas, outro galo nos cantaría.

- Para os cativos

Entre as propostas específicas para os máis cativos, pero que os adultos tamén podemos disfrutar, merece especial atención o álbum ilustrado Jan estivo alí de Xosé A. Neira Cruz, no que o autor xoga a procurar unha nova e suxestiva interpretación para algún dos enigmas que aínda agocha o famoso retrato do matrimonio Arnolfini pintado por Jan van Eyck. Como non podía ser doutro xeito nunha obra deste carácter, as imaxes son tan importantes coma o texto: David Soler opta aquí por poñelas en diálogo con outros cadros estética e cronoloxicamente próximos a O matrimonio Arnolfini. O resultado final é unha obra estimulante, que materializa o diálogo interdisciplinar e intertextual, na liña doutras produccións extraordinarias das que dende hai uns anos tamén podemos gozar no noso idioma, como o Gran libro dos retratos de animais ou Mirar un cadro.

- A edición independente

E seguen a xermolar pequenas editoriais, aínda que non todas coa tanta ambición de profesionalidade coma 2.0 Editora, que se estrea nestes días coa Guía do autostopista galáctico do ex Monty Phyton Douglas Adams, unha obra na liña do máis cáustico humor británico (ao lela, non podo evitar lembrarme de Tom Sharpe) adscribible aos parámetros da ciencia ficción ao servizo da sátira do noso vivir cotiá. 2.0 Editora aspira a ser unha empresa de servizos editoriais para o século XXI e por iso mesmo non descoida aspectos fundamentais da calidade do producto como é a tradución, excelente neste caso malia as dificultades que implica o texto orixinal e que a converten en realidade nun labor de adaptación.

Neste tempo invernizo no que a primavera, cos seus agromos de libros, xa nos tarda, agardamos con expectación os fallos dos premios da AELG e Irmandade do Libro, esas iniciativas gremiais que paseniño loitan por convertéresen en galardóns de referencia, algo que só conseguirán na medida en que atinen no recoñecemento dos valores das obras premiadas. Pero está ben que empece a afianzarse entre nós este modelo de galardóns, nos que funciona menos o factor de ansiedade tan presente nos premios a obra inédita e con dotactión económica. Por outra banda, o labor dos xurados fica nestes casos exposto ao xuízo e refrendo dos lectores, pois estes, na medida en que coñecen previamente o corpus de premiables, poden coa súa opinión corroborar -ou non- a escolla dos galardoados, consolidando -ou non- o valor dos certames no mercado de bens simbólicos.

E mentres, agardamos a enxurrada anual das obras de ou sobre o protagonista do Día das Letras Galegas. Ata o de agora só caíron unhas pingueiras: Uxío Novoneyra de Carmen Blanco, nun feituco volume tan ben editado e ilustrado que xa entra polos ollos (como ao poeta lle gustaría), ou Uxío Novoneyra revisitado de Xosé Lois García. No entanto, anúnciase xa a creación da enésima fundación de escritor, desta volta a de Novoneyra. Semella que non queremos aprender nos exemplos que nos rodean do absurda que resulta tal proliferación de micro-institucións. E digo eu, agora que a Real Academia Galega está a ser un punto de referencia cultural, non haberá escritores que vaian pensando en legar os seus arquivos a esa casa? ¿ou ás bibliotecas universitarias? Se cadra, a Cidade da Cultura e o Arquivo Nacional (ou xa non se chama así?) poderían xogar aí un papel vertebrador. Pero para iso habería que ter claras algunhas cuestións que o actual equipo da Consellería de Cultura parece mesmo descoñecer.

En fin, para sobrevivir a este dioivo que está a caer (e non só do ceo), dúas recomedacións: A rocha imantada, unha colectánea de aforismos de Xavier Seoane decantados ao longo dos últimos 25 anos, e A do vinte e un, a última novela de Hixinio Puentes, aventuras e intriga histórica a partes iguais para os que procuran evasión sen prescindir da calidade.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_