_
_
_
_
Crónica:NOTAS A RODAPÉ | Luces
Crónica
Texto informativo con interpretación

Axendas en galego, galego na axenda

Este pasado Nadal ocorréuseme facer un agasallo típico: unha axenda para o novo ano. A axenda tiña que cumprir dúas condicións: que fose bonita e estivese en galego. Percorrín canta papelaría de Santiago e Vigo, e non houbo maneira. Só atopei un modelo en galego, xeitoso para o profesional, pero pouco feituco para un galano. Por que non existe oferta de axendas en galego? Saltará o ultraliberal: porque non hai mercado. Non é verdade. Polo ton de moitas respostas ("non, en galego non temos") decateime de que en varias das tendas outra xente fixera a mesma pregunta ca min.

O caso das axendas serve para ilustrar canto camiño temos aínda de percorrer ata chegarmos a un mínimo limiar de normalidade do galego, incluso en terreos que non teñen que ser especialmente conflitivos. Porque, como tamén mostra o exemplo, contra o que se afirma adoito, para que o galego avance non é imperativo que o castelán recúe. Este falso argumento resulta sumamente contraproducente para o noso idioma. No canto das dinámicas excluíntes do tipo "unha lingua ou outra", temos que aplicarnos a exercitar as lóxicas inclusivas, entre outras razóns porque estas serán beneficiosas para o galego, pois este resultou ser a vítima preferente da exclusión social. Non cómpre dicir non ao castelán para dicir si ao galego, sempre que sexamos conscientes de que o primeiro xa está (im)posto en moitos ámbitos da nosa vida, mentres que o segundo precisa ser (re)posto neles, e precisamente por iso reclama un esforzo e un apoio especiais, que para o primeiro serían demasía.

- Optar polo galego en liberdade. Vista así, a promoción do galego aparecerá como unha aposta orientada a incrementar as opcións de escolla da cidadanía, por tanto, a súa liberdade de elección. Sen igualdade real entre os dous idiomas, non existirá verdadeira liberdade. É moi doado de entender: se un non dispón de axendas en galego no mercado, un non ten a posibilidade de elixir o idioma da súa axenda. Os defensores dos privilexios do castelán non se fan idea da severidade das restricións que padecemos as persoas falantes de linguas minorizadas á hora de ler xornais ou libros, ver produtos audiovisuais, ser atendidos nos comercios e servizos públicos... Dirase: é o noso problema, por empeñarnos en falar un idioma minorizado. Replicaremos: pero a exclusión do galego non é resultado dunha opción libre da cidadanía galega; pola contra, veunos imposta desde arriba.

Así e todo, en moitos eidos podemos avanzar sen necesidade nin de intervención do Goberno, nin de confrontarnos con ninguén, simplemente botando man da nosa creatividade e capacidade de emprendemento. Ás veces a intelixencia consiste en saber atopar en cada momento as iniciativas máis oportunas, e non facer da promoción da lingua unha lideira fatigosa e interminable. Propoño que cara ao 2012, lancemos unha campaña de axendas en galego, e así teremos a posibilidade de facer un presente agasalleiro para os nosos amigos.

- O galego na axenda. Outra cousa que temos que conseguir este ano, aínda máis importante ca a anterior, é colocar o galego en positivo na axenda pública. Pasar dunha posición puramente reactiva, defensiva, de repregamento na trincheira, a unha actitude proactiva, sabendo tomar a iniciativa, abrindo xogo para conseguir máis complicidades e ampliar o consenso social ao seu favor. Isto vai requirir moita reflexión (tamén autocrítica) e moito debate. Ese, e non outro, era e é o obxectivo do informe Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, que, apadriñado por unha nómina ben representativa de plurais sensibilidades galeguistas, publicou a finais de novembro o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), presidido por Anxo Quintana (o texto pode consultarse na rede: www.igea.eu.com/).

Dado que ese informe cuestiona algúns lugares comúns firmemente asentados na mentalidade dun sector do nacionalismo, suscitou reaccións contraditorias. Pero, a pesar dalgunhas tentativas de acalalo ou deturpalo, o informe abriu un debate moi pertinente, as augas fóronse serenando e non tardaremos en concluír, por ampla maioría, que precisabamos un revulsivo salutífero para osixenarnos un pouco. Temos todas as de gañar repensando unha serie de tópicos revellidos e reformulando, tanto no fondo coma na forma, posicións tradicionais que se revelaron inservibles ou contraproducentes. Elemento central daquel informe era a reivindicación do bilingüismo como un argumento eficaz para a defensa do galego, precisamente apoiado en lóxicas integradoras e inclusivas, lonxe das dialécticas da confrontación e da exclusión. Por ese camiño podemos aspirar a gañar o asenso social -no que debe asentar un consenso político verdadeiramente sólido- a favor das políticas públicas de normalización lingüística.

Sen dúbida, manter o galego na axenda durante o ano 2012 vai ser difícil, a non ser que contribúan a facelo, en negativo, determinadas candidaturas municipais. A crise económica vai acaparar o protagonismo. Pero tamén á hora de procurar unha resposta á crise a dereita centralista que goberna Galicia vai constatar a dificultade engadida que supón o discurso público de división e enfrontamento que ela mesma fomentou nos últimos anos arredor da cuestión lingüística. Nunha conxuntura tan difícil coma a que estamos vivindo, cando resulta imprescindible unir esforzos arredor de obxectivos partillados, enxergaremos o prexuízo que se nos deriva da estratexia posta en andamento por aquela dereita antigaleguista para conquistar e manter o poder a base de sementar a división, aventando querelas daniñas e atacando referentes comúns, como é o idioma de noso. Non se decataron aínda que unha lingua é moito máis ca un xeito diferente de falar?

- Relembrando os fundamentos. Agora máis ca nunca, será procedente relembrar a razón última das nosas reivindicacións. Expresouna acaidamente Ramón Piñeiro: "A lingua galega é bandeira da nosa solidariedade moral". O galego non nos interesa nin nos pode interesar só polo galego mesmo. Interésanos porque a súa exclusión é inseparable da marxinación que o noso país padeceu, con grave prexuízo para todos. Interésanos porque a súa perda significa e significaría unha derrota colectiva, que minaría de forma definitiva a nosa conciencia de comunidade. Interésanos porque a súa recuperación só se acadará se conseguimos facer dela un proxecto e unha tarefa comúns, que atinxe a todos, pois a todos beneficiará, e por tanto a todos debe comprometer solidariamente. Porque os éxitos que vaiamos conseguindo nese camiño serán outros tantos esteos da nosa confianza e da nosa autoestima, tan necesitadas de reforzo. Porque esa confianza, esa autoestima e esa conciencia de comunidade que afronta unida retos compartidos son valiosísimos recursos para afrontarmos os difíciles tempos que se aveciñan, para axuntarmos forzas e para pelexar e gañar o porvir. Porque non nos resignamos a que se acale a nosa voz. Porque arelamos ter unha axenda de futuro, como cidadáns e como país. E porque, si, estamos con vontade de que esa axenda de futuro se diga e se escriba tamén no noso idioma.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_