A orixe galega de Tristán Ulloa
O actor Tristán Ulloa naceu na cidade francesa de Orleans no ano 1970 e é outro deses chamados fillos da emigración. No seu caso, os que principiaron a partida ao estranxeiro foron os seus avós galegos, que decidiron exiliarse a terras galas para evitar a ditadura franquista. "Síntome moi orgulloso das miñas raíces", indica o intérprete. "O meu pai, aínda que naceu en Madrid, viviu tamén unha boa época en Galicia e non lle resulta nada allea esta terra".
Non en van, Tristán xogou durante anos con nenos galegos cando viña pasar as vacacións na época estival, onde non faltaban os partidos de fútbol contra cativos de localidades achegadas. "Veraneaba nunha pequena aldea chamada Fondevila, preto de Monterroso, localizada na bisbarra de Ulloa, e o meu apelido vén de aí, desa zona onde existen unha morea de persoas que locen o Ulloa e comparten ese apelido. Non sei se serán fillos bastardos daquel marqués que habitaba na zona", comenta con ironía. A orixe deste apelido atópase no Reino de Galicia, nos antigos condados de Traba e Trastamara e esa liñaxe foi a inspiración para que Emilia Pardo Bazán escribise Los pazos de Ulloa, a súa obra máis coñecida. Cando apareceu por primeira vez en terra galaica, Tristán viña da cidade e as diferenzas da súa procedencia con aquel lugar de asueto eran substanciais. "Cando cheguei non coñecía o campo e converteuse nunha gran experiencia estar nese ambiente, que che fai comprender outras cousas da vida diferentes ao que eu coñecía, que nin sabía de onde saía o leite. Creo que esta vivencia me axudou a aprezar cousas máis sinxelas da vida". O actor ten familia en Lugo e Vigo, cidade na que viviu un periodo de sete anos. "Foi dende os doce aos dezanove anos de idade. Estudei no colexio Martín Códax e nos Salesianos da rúa Venezuela. Eu comecei a facer teatro en Vigo, apoiado polo meu bo amigo Toni, co que principiei a subir ao escenario e representar obras no salón de actos dos Salesianos. Ao ser unha etapa da vida importante, en plena adolescencia, non teño dúbida ningunha que os anos pasados na cidade olívica marcáronme moito".
De avós lugueses, pasou os veráns da infancia nunha aldea de Monterroso
No noso país rodou dous filmes. No ano 2002 púxose ás ordes de Antón Reixa para dar vida a Daniel Da Barca en O lapis do carpinteiro, a traslación á pantalla da novela homónima de Manuel Rivas, e hai dous anos filmou o thriller Un buen hombre, dirixida por Juan Martínez Moreno. O intérprete sempre manifestou sentirse "como en casa" cada vez que lle toca traballar en Galicia. Incluso lembra que falaba "o galego que aprendín cando viña de vacacións, o que se empregaba na zona de Chantada, e facíao cunha certa fluidez. A verdade é que agora o teño bastante esquecido".
O actor deuse a coñecer coa interpretación realizada na película Mensaka, que lle valeu unha nominación ao Goya como actor revelación. Logo chegou o papel protagonista de Lucía y el sexo, que lle proporcionou bastante popularidade. "Facer ese filme foi un punto de inflexión e síntome un privilexiado por traballar con Julio Médem. En contra do que se puidese pensar o máis difícil de facer non foron as escenas de sexo con Paz Vega. Lembro que, nalgún momento, houbo condicións duras de rodaxe, como cando filmamos nun hangar sen aire acondicionado en pleno verán e cunha temperatura sufocante. Facendo memoria do que sucedeu si que tivemos unha escena de sexo complicada. Estabamos a finais de outubro e para sacar adiante a secuencia na praia con Najwa Nimri debín permanecer seis horas espido na auga, ao borde da hipotermia. Non se me ocorre nada menos luxurioso", chancea Ulloa. Ese traballo reportoulle a súa segunda candidatura ao Goya, nesta ocasión como actor principal.
Nos premios por antonomasia do cine español, que veñen de cumprir o 25º aniversario, ten un logro único, acontecido no ano 2007. Nesa cerimonia tiña unha presenza tripla nas nominacións. Contaba co nomeamento ao galardón como actor principal por Mataharis, de Icíar Bollaín, e optaba por partida dobre, a dirección novel e guión adaptado, co filme Pudor, realizado co seu irmán David. "Sentinme recoñecidísimo e estiven moi ledo con esas nominacións. No momento non pensas que ninguén logrou competir en tres apartados ata que a xente cho comenta. O do guión fíxome moita ilusión. Comezamos a escribir sen saber onde ía rematar nin a historia nin o proxecto. Co meu irmán mercamos os dereitos do libro aínda sen ter produtor e, afortunadamente, dimos con alguén que nos respaldou para filmalo".
Os irmáns Ulloa están a preparar actualmente o guión da que pretenden sexa a súa segunda longametraxe. Dende o ano pasado, Tristán participa nunha serie de televisión exitosa, Gran reserva, que pode poñelo de novo en primeiro plano.
Os filmes do actor galego francés
- Con Mensaka, páginas de una historia (1998), de Salvador García Ruiz, Tristán Ulloa accedeu a certa popularidade.
- En Los sin nombre (1998), púxose ás ordes do logo célebre realizador de terror Jaume Balagueró.
- Para Lucía y el sexo (2001), do vasco Julio Médem, intepretou algunha das escenas profesionalmente máis esixentes da súa carreira.
- O lapis do carpinteiro (2002) foi o debut na dirección de filmes de Antón Reixa.
- Con Pudor (2007), Tristán Ulloa estreouse como cineasta.
- Ao pouco tempo, traballou ás ordes de Iciar Bollaín en Mataharis (2007).
- Que se mueran los feos (2010) é un dos seus últimos filmes, dirixido por Nacho Velilla.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.